O Teatro Principal proxectará a historia dun puñado de misioneiros que rescatou máis de 18.000 ruandeses
Por Redacción
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá a proxección da película benéfica "Redentores de cautivos", que relata a historia dun puñado de misioneiros que se deixou a pel por rescatar a máis de 18.000 refuxiados ruandeses.
Despois dun longo periplo por España, en cidades como Sevilla, Xerez, Toledo, Cidade Real, Valladolid, Cáceres, Córdoba ou Salamanca, a cinta, obra do xornalista Salvador Gutiérrez e o operador de cámara José Antonio Capote chega agora a Pontevedra.
Será o vindeiro xoves 11 de abril ás 20:30 horas. Os organizadores esperan un cheo absoluto polo que programaron un segundo pase para o día seguinte no Liceo Casino ás 20:00 horas. A proxección irá acompañada da actuación da Coral Helénica do Liceo Casino, dirixida por Antonio Manuel Pintos, e do recital da poeta Esther González Sánchez.
Este documental narra en primeira persoa as vivencias de dez misioneiros da Orde da Mercé que estiveron na guerra de Ruanda, da que se cumpren agora 25 anos. Estes misioneiros recibiron en 1994 o premio Príncipe de Asturias.
Por primeira vez saen á luz as imaxes que os propios frades rexistraron co seu cámara durante o xenocidio.
"Unha historia de amor, xustiza e esperanza. E unha historia real da propia Igrexa", sinala a promoción desta película.
As entradas para poder asistir á proxección xa saíron á venda no Mosteiro de Poio e nas entidades relacionadas coa Orde da Mercé a un prezo de 5 euros.
Os beneficios da película, que non contou con ningunha subvención pública, están destinados integramente á obra "Educación e Liberdade" que a Orde da Mercé desenvolve nos cárceres cameruneses de Sangmélima.