A viguesa María López, gañadora do noveno certame de relatos de muller Matilde Bares
Por Redacción
A autora María López Correa, natural de Vigo, é a gañadora do IX Certame de Relatos de Muller Matilde Bares co seu relato As fillas da Manola, composto por catro historias de diferentes mulleres emparentadas entre si, unidas pola soidade ante os atrancos das súas vidas.
Nelas reálzase a importancia da creación dunha rede de apoio entre as mulleres.
Así o destacou o xurado que se reuniu este mércores nas dependencias do Centro de Información ás Mulleres (CIM) e que estivo composto por Marta Currás, María del Carmen Caramés e Carlos Freire, os tres con experiencia no panorama literario, e a directora do CIM, Montserrat González.
Este certame, dotado con 1.500 euros, iniciouse no 2005 como unha homenaxe a Matilde Bares, mestra de labor recoñecida na vila que ademais foi promotora de actividades culturais e grupos de teatro.
Ademais, o concurso busca promover a reflexión e o debate arredor da igualdade entre homes e mulleres e da necesidade doutros relatos que reivindiquen novas formas de escribir a historia.