As 'matinés' do Principal subirán o pano en marzo cun concerto de Sés
Por Alejandro Espiño
Un dos ciclos musicais máis exitosos de Pontevedra regresa con nova edición. 'As Matinés do Principal', que aposta por concertos os sábados ao mediodía, xa ten o seu primeiro concerto confirmado. Trátase de Sés, unha das grandes voces da música galega, que chegará á Boa Vila con novo disco debaixo do brazo.
Rabia ao silencio é o nome deste novo traballo de María Xosé Silvar, que soará en directo en Pontevedra o sábado 30 de marzo, a partir das 12.30 horas.
Sés regresa aos escenarios cun traballo acústico, máis íntimo e directo do que nos ten afeitos. Con el, a artista recupera unha selección de cancións populares, folclóricas ou de autor que chegaron a Galicia o século pasado de ultramar e doutros puntos da península.
Son cancións que se fixeron coñecidas nas voces de artistas como Carlos Puebla, Víctor Jara, Mercedes Sosa ou Zeca Alfonso e que foron no seu momento crónica de grandes movementos sociais. Para esta ocasión estes temas foron adaptados ao galego.
Para este disco, Sés está acompañada da voz de Sabela Galván, que ademais toca acordeón e frauta, e da guitarra de Tito Calviño.
As entradas, que teñen un prezo de 14 euros, poderanse adquirir a través de Ataquilla.com.