O concerto da Orquestra Filharmónica, a mellor desculpa para erguerse da mesa en Aninovo
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
Un ano máis, e xa suman sete, os integrantes da Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra subirán ao escenario do auditorio do Pazo da Cultura para comezar o ano coa mellor música no seu tradicional concerto de Aninovo.
Este luns, a concelleira de Cultura Carmen Fouces acompañada por Judith Rey, presidenta da asociación da Orquestra Filharmónica, presentaban este concerto que se vai desenvolver a partir das 19.30 horas do día 1.
Fouces destacaba que esta cita supón unha boa escusa para abandonar as "enormes sobremesas" destas festas e acudir a escoitar unha agrupación que todos os anos demostra o seu alto nivel de calidade nestes concertos ao igual que noutros eventos como sucedía no recital de Jane Birkin.
Judith Rey explicaba que, nesta ocasión, contarán como director invitado coa presenza de Juan Miguel Romero Llopis, actualmente director de unión Musical, que conta cunha ampla traxectoria ao fronte da Banda Sinfónica de Albacete; da Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela; da de Palma de Mallorca e director técnico da Banda Municipal de Barcelona.
O programa ofrecerá unha chiscadela á cultura galega na primeira parte. Contarán coa colaboración da banda de gaitas de Forcarei, con solistas como Silvia Ferre; Josele interpretando a gaita e a ocarina; ademais de Margarita Guerra coas castañuelas. A idea, segundo a presidenta da agrupación, céntrase en comezar desde a música de Pontevedra para espallarse a un repertorio de toda a comunidade e xa na segunda parte trasladar ao público a Viena con numerosas sorpresas, interacción co público e as tradicionais palmas coa marcha Radetzky. O Ballet Norte acompañará algunha das pezas de, entre outros, compositores como Chapí, Luna, Vives e Johan Strauss fillo.
"O meu neno ten 8 aniños e desde pequeno vai encantado e non se aburre en ningún momento", confesaba Judith Rey, facendo unha invitación para que este concerto sexa un agasallo para estas festas de Nadal. Todos os anos logran colgar o cartel de "non hai entradas" no Pazo da Cultura.
As entradas xa se atopan á venda online en Ataquilla con prezos entre os 10 e os 15 euros. A partir do día21 tamén se poderán adquirir na Casa da Luz.
Relacionadas:
-
VÍDEO.- A Filharmónica Cidade de Pontevedra pon a banda sonora ao ano novo
Por Diego Torrado & Redacción |
-
A Banda de Música e a Coral Polifónica de Salcedo brindan coa mellor música
Por Diego Torrado & Redacción |
-
Jane Birkin, a excelencia eterna, ovacionada no Pazo da Cultura
Por Diego Torrado & Anxo Lourido |
-
VIDEO.- O concerto de Aninovo, unha extraordinaria benvida musical a 2018
Por Redacción & Diego Torrado |