O vestíbulo do Pazo Provincial acolle unha mostra de adornos do Nadal
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot
A mostra "Unha viaxe ao Nadal" estará no vestíbulo do Pazo da Deputación de Pontevedra ata o 7 de xaneiro, con pezas que chegan desde Polonia, República Checa, Alemaña ou Austria.
Trátase dunha modesta exposición con figuriñas que ao longo dos anos foi adquirindo a comisaria da mostra, Fátima Cobo, nas súas viaxes polos mercadillos de nadal europeos. Cada unha delas é unha xoia.
En cada vitrina as figuras forman parte dunha composición que representa unha estampa típica do Nadal como o adorno da árbore, as panxoliñas, as figuras dos Reis Magos, Papa Noel.
Fátima Cobo explicou que a maioría dos adornos de Nadal están pintados a man, feitos case sempre en pequenos obradoiros. É a primeira vez que as presentan en público.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, mostrouse "encantada" con esta iniciativa do Nadal. "Eu non son nada Grinch", chanceou. "Eu creo que o Nadal, sexas ou non crente, é unha etapa de relación humana, de recordos ás veces tristes, pero sempre coa alegría do encontro".
Ademais, a Deputación editou un catálogo no que estas pezas, como o gnomo da película "Amelie", fan a súa particular viaxe polo patrimonio da provincia de Pontevedra.