O Teatro Principal acollerá a estrea do documental sobre Bóveda "A Fazaña da Liberdade"
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
O Teatro Principal de Pontevedra acollerá a estrea do documental A Fazaña da Liberdade, sobre a vida de Alexandre Bóveda. Será o vindeiro 4 de xuño ás 20:00 horas segundo anunciaron este martes a Fundación Alexandre Bóveda e Fílmika Galaika durante a presentación da película na Galería Sargadelos.
Filmika Galaika agrupa a unha serie de profesionais do campo da comunicación que conflúen neste proxecto para intentar revitalizar a produción audiovisual en Galicia e ao mesmo tempo atopar proxección estatal e internacional.
No acto, que coincide co 110 aniversario do ilustre galeguista, participará a Coral Polifónica de Pontevedra.
O director de A Fazaña da Liberdade, Seném Outeiro, explicou que o seu interese pola figura de Alexandre Bóveda empezou tras participar de mozo nos actos de homenaxe que se celebran en Pontevedra con motivo do Día da Galiza Mártir.
Seném Outeiro asegura que o seu documental responde a unha "teimosía persoal de loita contra a amnesia colectiva que sofre o pobo galego que consciente ou inconscientemente é fomentado polas institucións", ademais o director di atoparse nunha etapa na que necesita aportar contidos audiovisuales que fomenten o debate na sociedade "para alcanzar consensos que poidan superar a difícil situación social existente".
O documental esta eleborado a partir dos testemuños de persoas que coñeceron directamente ou foron testemuñas da obra de Bóveda. Xunto a eles aparecen numerosos documentos da época, xunto aos lugares vencellados á vida do galeguista.
Os patrocinadores desta película sinalan que está dirixida a todo o público destacando a "ambición do documental, que ten unha calidade excepcional, pola calidade e a cantidade de entrevistas".
O productor executivo da película, Roi Carballido, explicou que o proxecto xorde como continuidade dun intento anterior de realizar un documental sobre Bóveda, que pon nas súas mans Uxío-Breogán Diéguez Cequiel, historiador, profesor da Universidade de Coruña e director do Centro de Estudos e Documentación Alexandre Bóveda.
Nesta tarefa tamén contaron con moitos colaboradores entre os que destacan os concellos de Pontevedra, Poio, Ourense, e a Deputación de Lugo.
A concelleira de Cultura do Concello de Pontevedra, Anxos Riveiro que "agora é máis necesario que nunca recordar a figura de Bóveda, a todos os niveis político, económico e social".