O domingo, cincuenta actividades no programa da feira Culturgal
Por Redacción
Remata Culturgal 2018 este domingo 2 e faino con cincuenta actividades no seu programa.
Dous espectáculos especiais para público familiar e infantil: "Paio e o poder da música" de OVIRAVAI (12 horas) e Xoán Curiel e a Banda do Verán con A Casa do Terror (18 horas) representaranse no auditorio do Pazo da Cultura.
Ademais, pensando tamén no público infantil, haberá obradoiros de arquitectura no Espazo Arte Contemporánea, que ás 19 horas acolle unha homenaxe no cabodano do pasamento do pintor Manuel Moldes.
Na Carpa o domingo a xornada comeza coas "Voces de Arrieiro" do concello de Ponteareas e ao longo do día pasarán por alí Pablo Sanmamed Trío, Chuches Amil (para público familiar), Cintaadhesiva, Vudú presentando disco e Brais Morán.
O cine de Culturgal acolle o documental Versogramas e o pase da película Dhogs. Este domingo, ademais, a feira entrega o Premio do Público 2018 á Casa de Rosalía, un acto que estará animado polos Quinquilláns.
Moitos autores, libros e premios presentaranse na xornada de clausura. A feira acolle a entrega dos premios de dramaturxia de Agadic: o Álvaro Cunqueiro e o Manuel María así como a presentación do I Premio Fina Casalderrey de literatura infantil pola igualdade de Baía Edicións e as conversas cos Premios Xerais 2018: Emma Pedreira, autora de "Besta do seu sangue", Premio Xerais de Novela 2018; Héctor Cajaraville, autor de "Kusuma", Premio Merlín de Literatura Infantil 2018; e Carlos Negro, autor de "Aplicación instantánea" Premio Jules Verne 2018.
A feira pechará as súas portas ás 20 horas. Ata ese momento a actividade non cesa no domingo na Culturgal, que conta cunha bebeteca, unha área de xogos e un espazo gastronómico aberto no mesmo horario.
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Belem Tajes García: A felicidade sobre o escenario
Por Marisa Ciordia |
-
Culturgal pecha as súas portas ata o vindeiro 29 de novembro
Por Oskar Viéitez |
-
Ateigada axenda do Concello de Pontevedra no Culturgal
Por Redacción |
-
"Galaicos é moito máis que unha exposición, é unha inxeción de autoestima"
Por Redacción |
-
O posto da Deputación no Culturgal acolleu 10 presentacións de iniciativas musicais da provincia
Por Redacción |
-
Máis de sete mil persoas pasaron polo Culturgal na súa segunda xornada
Por Redacción |