Curtas Armadiña presenta catro obradoiros gratuitos e abertos ao público xeral
Por Redacción
O certame audiovisual Curtas Armadiña, organizado pola Asociación Armadiña, presentou os obradoiros que terán lugar no marco da súa cuarta edición, que se celebrará entre o luns 12 e o domingo 18 de novembro en Poio.
O luns 12 abrirá o certame o curso 'Realizar e dirixir para as redes' da man do realizador Pablo Cacheda, no que os asistentes se achegarán á linguaxe audiovisual actual a través de plataformas como YouTube e mais de Vines, Vlogs ou titoriais.
O martes 13, o realizador Jose Aragunde será o encargado de establecer os fundamentos da iluminación nos traballos audiovisuais para que o alumnado poida poñelos en práctica despois sobre unha serie de casos prácticos no obradoiro 'Iluminación para o audiovisual'.
Para o mércores 14, a actriz, artista visual e performer María Roja propón en '1,2,3 e acción' unha reflexión práctica sobre os procesos de creación no eido da actuación ante e para a pantalla. Os asistentes entrenarán ferramentas de creación e interpretación que permitan o diálogo corporal con dispositivos de gravación domésticos a través de aplicacións tecnolóxicas.
Estes tres obradoiros terán lugar no Centro Cultural Xaime Illa de Raxó en horario de 19:00 a 21:00 e están abertos ao público xeral.
Para o sábado pola mañá, entre as 11:00 e as 13:00, a artista visual Alba Blanco ensinará a cativos de entre 8 e 12 anos a acurtar a distancia entre corpo e tecnoloxía a través dunha creación ben dinámica no curso titulado 'Gravar e montar un vídeo: un xogo espacial'. Tras atesourar pequenos rexistros visuais e sonoros, as crianzas crearán unha peza colectiva intervindo unha instalación que funcionará como programa de edición e montaxe audiovisual a escala física.
Todos os obradoiros son de balde. Para inscribirse, as persoas interesadas deberán enviar un correo electrónico a curtas.armadinha@gmail.com indicando título do obradoiro, nome, apelidos, data de nacemento e teléfono de contacto. No caso do obradoiro para crianzas, requírense tamén os datos da persoa responsable.
Relacionadas:
-
Curtas Armadiña 2018 presenta unha completa programación durante toda unha semana
Por Oskar Viéitez |
-
O Xurado Novo de Curtas Armadiña 2018 elixe o mellor videoclip
Por Redacción |
-
Combarro 'actívase' este sábado con deporte, cultura, patrimonio e solidariedade
Por Oskar Viéitez |
-
Máis de mil sinaturas queren unha Chousa da veciñanza
Por Redacción |
-
Juan de Castro, Pilar Varela, María Roja, Laura Doval e Pablo Cacheda, xurado do Festival Curtas Armadiña
Por Redacción |