A zarzuela galega A lenda de Montelongo volve ao escenario tras máis de medio século sen representarse
Por Redacción
No ano 1956 representábase por última vez a zarzuela A lenda de Montelongo. 57 anos anos máis tarde, o Pazo da Cultura de Pontevedra recuperará esta obra do músico de Vilagarcía, Bernardo do Río, con libreto de Manuel Rey Posse.
Trátase dun proxecto no que participan a Banda de Música de Pontevedra e o Coro do Liceo de Vilagarcía de Arousa baixo a supervisión de Javier Jurado, un profesor de música no Conservatorio Superior de Vigo que proporcionou as partituras, o guión definitivo, o estudo e o decorado de fondo para esta función empregando dous orixinais como fonte de información. Jurado indicou na presentación desta función que "é unha zarzuela non só porque empregue a lingua senón polo uso do folclore con xiros idiomáticos propios".
A lenda de Montelongo foi estreada en 1924 durante a ditadura de Primo de Rivera. Segundo afirma o musicólogo "tivo unha repercusión enorme e foi moi ben acollida polas Irmandades dá Fala". A temática, indica, céntrase na reivindicación nacionalista fronte á política centralista de Madrid.
Margarita Guerra, directora do Coro do Liceo de Vilagarcía sinala que "é un texto endiablado" e apunta que se trata dunha produción propia cunha ampla dirección artística realizada polo coro arousano.
A actuación será no Pazo da Cultura o domingo 26 de maio ás sete da tarde. As entradas custarán 5 euros. Nesta cita estarán presentes algúns dos participantes na actuación de hai máis de medio século, entre eles Lolita Peiteado, a último soprano que interpretou o papel de Marica, o personaxe protagonista da obra.