Alonso Montero, flamante novo presidente da RAG, estreará o seu cargo en Pontevedra
Por Redacción
Nin 48 horas tardará o novo presidente da Real Academia Galega (RAG) en estrear o seu cargo. E farao en Pontevedra. Xesús Alonso Montero, elixido este sábado como máximo responsable desta histórica institución, impartirá unha conferencia no Campus de Pontevedra. Será este luns 22 de abril a partir das 11.00 da mañá no salón de grados da Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte.
A conferencia de Xesús Alonso Montero, profesor catedrático emérito de Literatura Galega pola Universidade de Santiago, leva por título 40 anos de Informe dramático sobre a lingua galega: 1973-2013, e xa estaba programada antes da súa elección como presidente da Real Academia Galega.
Alonso Montero (Vigo, 1928) impúxose ao outro candidato, o catedrático de Filoloxía Románica da Universidade de Santiago de Compostela Manuel González na segunda votación por 12 papeletas a 10 nun plenario moi rifado que se celebrou este sábado na sede da institución na Coruña. Substitúe así a Xosé Luís Méndez Ferrín e convértese no duodécimo presidente da RAG.
Alonso Montero ten unha extensa obra ensaística, que inclúe estudos sobre figuras da literatura galega como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Vicente Risco ou Álvaro Cunqueiro. Defendeu un proxecto para a RAG que garante a "independencia intelectual" da institución e rexeita que poida ser "absorbida" por outras institucións que se dedican ao estudo da lingua.