A escola de música de Sanxenxo organiza concertos didácticos nos colexios do municipio
Por Redacción
A escola municipal de música organiza un concerto didáctico nos colexios de Sanxenxo, que leva por título "O piano no cinema", dirixidos ao alumnado de Educación Primaria, cunha duración de 50 minutos e celebraranse os luns do mes de xaneiro.
Este luns tiveron lugar os primeiros concertos no CEIP O Cruceiro e no Colexio Abrente. O vindeiro luns día 22 será a quenda de CEIP O Telleiro, CEIP A Florida e o CEIP de Nantes. Os concertos terminarán o luns 29 no CEIP Portonovo e Magaláns.
Estes concertos teñen como principal obxectivo contextualizar a importancia que tivo o piano nos comezos do cinema, destacando, despois, a nivel interpretativo e compositivo.
A escola municipal de música pretende que o alumnado dos centros coñeza as diferentes funcións expresivas e didácticas que tivo o piano na historia do cinema, comprender a evolución do concepto de banda sonora, aprender a apreciar como a música nos axuda a asociar os personaxes e situacións dunha película con determinados fragmentos musicais e mostrar como se acompañan en directo as películas mudas e os diferentes recursos musicais narrativos e expresivos empregados.