Ana Isabel Vázquez: "Foi un ano de abrirnos a todas as sensibilidades e intereses da sociedade"
Por Redacción
Un ano leva xa Ana Isabel Vázquez Reboredo (Portas, 1976) como directora-xerente da Fundación Cidade da Cultura, doce meses de traballo intenso nos que a institución avanzou no seu proceso de internacionalización, pero tamén na súa tarefa para darse a coñecer noutros puntos de Galicia fóra da súa localización xeográfica, Santiago de Compostela, e no apoio a proxectos culturais emprendedores. Con motivo deste primeiro aniversario no cargo, a ex concelleira en Pontevedra e ex deputada provincial de Cultura fai balance e fala dos seus retos profesionais e persoais, entre eles, a súa futura maternidade.
Un ano xa no Gaiás. Imaxino que resumir un ano enteiro é bastante complicado, pero podería facer un balance?
Facemos -e fago- un balance moi positivo porque foi un ano de moita actividade e un ano diferente porque quizais estamos xa noutra etapa, de consolidar un proxecto e dalo a coñecer máis aló de Santiago. É a Cidade da Cultura de Galicia na que queremos que participe todo Galicia. Foi un ano de abrirnos á sociedade, a todos os públicos, con programación para todos os gustos, sensibilidades e intereses. Tamén un ano de buscar colaboracións con outros colectivos e dar a coñecer o Centro de Emprendemento. Ou o convenio que asinamos coa FEGAMP para tentar que todos os concellos poidan utilizar a Cidade da Cultura de forma gratuíta para dar a coñecer aqueles produtos ou actividades culturais característicos. Estamos a tentar ser unha plataforma na que se poida dar a coñecer todo o que se fai en Galicia a nivel cultural, a nivel tecnolóxico, e apoiar aos emprendedores.
Viña xa da xestión cultural como deputada de Cultura en Pontevedra, pero o salto foi significativo. Custou moito adaptarse a este novo ámbito?
Ao principio si que che sentes algo pequeniño cando chegas, ante a inmensidade do complexo, pero logo vas vendo que as dinámicas son iguais que en calquera outro sitio, só que dentro da proporción que supón. Había cousas moi novas como o Centro de Emprendemento ou a parte tecnolóxica, que son quizais bastante diferentes ao que facía antes, pero, en canto empezas a coñecer desde o principio o que se fai, a adaptación é fácil. Foi unha etapa de adaptación, para coñecer en profundidade todas as liñas de traballo que se levaron e tentar buscar novos obxectivos.
Ao longo deste ano, cal considera que foi o fito máis importante que logrou a Cidade da Cultura?
Hai un cúmulo de cousas. Abrirnos a toda a cidadanía, que sexamos unha plataforma para dar a coñecer e visibilizar a actividade cultural e como traballan as nosas empresas é fundamental. Fixémolo non só en Galicia, senón que fomos a París, Tokio e Nova Deli. Esa liña de posta en valor de artistas e de traballos en Galicia seguimos con ela e, esa parte internacional, imos conseguila coa nova exposición de Valdomero Pestana, que terá o seu percorrido europeo e latinoaméricano.
Estamos a tentar ser unha plataforma na que se poida dar a coñecer todo o que se fai en Galicia a nivel cultural e tecnolóxico
Apostan moito polo Centro de Emprendemento...
Outra parte que consideramos importante é o apoio ás nosas compañías, por exemplo, no teatro. Hai un festival de teatro e danza contemporánea, 'Escenas do Cambio', que xa vai pola súa cuarta edición e ao que viñeron programadores de toda Europa. Conseguimos que decidisen levar a empresas galegas como 'Voadora' ou como 'Il Maquinario' a ter as súas estreas e actuacións en Francia. Ese é, precisamente, un dos obxectivos claves da Cidade da Cultura, ser unha plataforma para que todas as nosas compañías poidan ter unha oportunidade fóra das nosas fronteiras. Empezamos con bo pé e seguiremos con esa liña.
Ese proceso de internacionalización é importante, están a dar a coñecer aos artistas galegos fóra, pero cre que dentro de Galicia coñécese todo o que se fai na Cidade da Cultura?
Ese proceso de internacionalización é importante, están a dar a coñecer aos artistas galegos fóra, pero cre que dentro de Galicia coñécese todo o que se fai na Cidade da Cultura?
Realmente, non é todo o coñecida que nos gustaría e ese é un das obxectivos claves que queremos traballar en 2018. Se ti pregustas máis aló de Santiago aínda hai moita xente que non visitou a Cidade da Cultura e, por tanto, coñece puntualmente algunhas cousas que se fan, pero non todo o complexo nin o potencial. Queremos que os nosos cidadáns, os galegos, coñézano profundidade. Imos iniciar campañas máis aló de Santiago para dar a coñecer a actividade que se fai e o centro de emprendemento, para tentar que sexa un proxecto estable e que xere postos de traballo en Galicia.
Neste ano avanzouse moito, pero queda moito por facer. Cales son os retos que se marca agora?
Estamos a traballar na accesibilidade. Acaba de licitarse a conexión coa autoestrada, que nos gustaría que estivese lista a finais do ano 2018, pero é probable que ata principios do 2019 non estea. Teremos unha saída directa que tamén nos dará conexión con Santiago. Estamos a traballar co propio concello para ter liñas de autobuses máis frecuentes e nunha vía peonil que conecte o centro histórico directamente. Tamén estamos a traballar nunha programación cada vez máis ampla, para todos os públicos, con exposicións que nos permitan ver as nosas tradicións, a nosa cultura, que fagan un percorrido por Galicia desde as orixes ata hoxe en día. Tentar que todo o que hoxe en día se deseña, se crea, teña tamén un oco na Cidade da Cultura e tender pontes e colaboracións con todas as entidades que están a traballar en Galicia. Se imos todos da man, ese traballo será máis fácil e mellor para Galicia.
Un dos obxectivos claves é ser unha plataforma para que todas as nosas compañías poidan ter unha oportunidade fóra das nosas fronteiras
Que foi o máis gratificante este ano na Cidade da Cultura?
Ver que esta etapa que empezas con moita ilusión vai dando os seus froitos. Que a xente che descubra, iso é moi gratificante. Non quero que a xente quede convencida polo que podemos dicir os responsables, senón que nos coñeza persoalmente, que nos aporte. Todas as achegas son positivas e axúdannos a mellorar.
Como en todos os traballos, supoño que haberá tamén algún desgusto, non?
Si, un traballo non é marabilloso o 100% das veces, senón que sempre hai esas outras cousas máis pesadas. Non hai unha cousa concreta, pero hai que tentar facer máis con menos porque cada vez temos menos orzamento. Todo o mundo subiu menos a Cidade da Cultura, non podo entendelo, pero tamén nos permite loitar e demostrar que se poden facer moitísimas cousas e tender pontes sen necesidade de máis orzamento. É un reto, encantounos que nos subisen o orzamento, pero aceptámolo e imos seguir demostrando o bo que vai ser para Galicia aínda que o orzamento non variase nin un céntimo
Unha pregunta, para terminar, máis persoal. A súa carreira foi meteórica. Agora, que se expón que queda por diante?
A verdade é que non me expoño retos nese sentido. Cando pillo un proxecto, dedícome a el case ao 100% e dás moitísimo a ese proxecto porque confías nel e deixas un pouco abandonada a parte persoal ou familiar. Eu son así con todos os proxectos, non penso cal será o seguinte reto, senón que estou sempre centrada nese proxecto, en como mellorar, en como ampliar, en como conseguir non estabilizarse. Que espero despois da Cidade da Cultura? Pois o que o destino queira. Polo de súpeto, serei nai durante a Cidade da Cultura, eu creo que vai cambiar xa bastante a perspectiva de ver as cousas, porque nos cambia a todos, pero espero poder seguir traballando para a xente, para Galicia e para a cultura, que me apaixona. Cando volvín á formación, notaba un oco moi grande dentro de min. Gústame moitísimo a formación, pero faltábame complementalo.