A terceira gala de Cantos de Taberna homenaxea á coral 'Máximo Patiño' de Vilaxoán
Por Redacción
Luís Caruncho será o encargado de conducir a terceira gala de Cantos de Taberna que este venres a partir das 21.00 horas vai celebrarse no Pazo de Mugartegui coa presenza de representantes de asociacións, grupos musicais e representantes da hostalería tanto de Pontevedra como doutros puntos de Galicia.
Os Muiñeiros do Sarela é a agrupación convidada para amenizar a velada na que Ramón Pinheiro, profesor de historia da música galega no Conservatorio de Música Tradicional e Folque de Lalín falará sobre Vilaxoán, un pobo que canta.
A Cunca Maravallada será recollida por Salvador Cores "o manso", que xunto a Patiño Méndez puxo en marcha hai 40 anos o certame Vilaxoán Canta. Aos seus 79 anos, Salvador Cores co seu acordeón segue dirixindo esta iniciativa que todos os anos reúne por centos de persoas na vila mariñeira. Unha das novidades da Coral 'Máximo Patiño', que organiza o Vilaxoán Canta, tamén está a facer un importante labor de difusión entre os máis novos coa creación dun coro infantil.
Un ano máis, o acto servirá para dar a coñecer o traballo dun artista plástico galego. Nesta ocasión será o artista de Mondoñedo, Caxigueiro, o que interpretará a idea de unir tabernas e música.
O acto está organizado pola Asociación Cultural Maravallada en colaboración co Concello de Pontevedra.