O pontevedrés Caco Refojo, outra vez protagonista dos Grammy Latinos cun novo premio
Por Anxo Lourido
Caco Refojo, o enxeñeiro de son nado en Pontevedra, volveu a ser fundamental para que o disco "Spain Forever", de Michel Camilo e Tomatito obtivese o premio ao mellor álbum instrumental na última edición dos Grammy Latino que se celebraba na noite do pasado venres.
O disco foi mesturado por Refojo e Salomé Limón e masterizado polo pontevedrés en PKO Studios, onde traballa. "Spain Forever" fora gravado en casa Limón, en Madrid, a través dunha produción dirixida polo propio Michel Camilo. O traballo, segundo explica Caco Refojo, realizouse a distancia durante todo o proceso de mesturas e masterización. Michel Camilo reside en New York e buscaba que o piano e a guitarra fundísese de tal maneira que parecese que o son procedía dun único instrumento. Caco Refojo afirma que foi un "traballo moi moi minucioso".
Produtor e mesturado estaban conectados vía Internet durante todo este proceso. Refojo realizaba a mestura e a masterización, enviaba os arquivos de audio a Michel Camilo para que os escoitase e achegase o seu punto de vista para ver se era necesario retocalos.
"Estou súper agradecido de que confiasen en min para traballar neste disco. É un soño feito realidade"
"É impresionante como tocan e como interpretan. Poñen a pel de galiña", asegura Caco Refojo ao falar de Camilo e de Tomatito. "Estou súper agradecido de que confiasen en min para traballar neste disco. É un soño feito realidade", comenta o pontevedrés que, grazas a este álbum, incrementou os seus premios Latin Grammy nunha cita musical na que practicamente todos os anos conta con nomeamentos pola calidade das súas gravacións.
En 2010 gañaba un premio na categoría de mellor gravación e mellor disco tropical tradicional por un disco de Concha Buika. En 2015 foi candidato a seis premios, logrando o de mellor álbum de música flamenca por Entre 20 Aguas: A la música de Paco de Lucía.
Nesta ocasión, Refojo volveu triunfar nunha gala que estivo marcada polo éxito de Luís Fonsi e o seu "Despacito".
Escoita a música de "Spain Forever":