Buscan mecenas para que as palabras e cores de Senegal, México e Galicia se convertan en libro
Por Redacción
O poeta senegalés afincado en Pontevedra Bilal Traoré ten entre mans un novo proxecto no que as palabras e as cores de Senegal, México e Galicia serán páxinas dun libro ilustrado de relatos para mozos e adultos. El será o autor dos textos; a ilustración correrá a cargo dos mexicanos Marthazul e Augusto Metztli e a madrileña Iria Ryker; e calquera persoa que estea a ler este texto pode converterse en mecenas.
O libro, que se titulará Los cuentos de Cuenta Sin Contar, cuentos de la flauta y el tambor, busca mecenas tras tres anos no forno e, para facelo posible, a editorial Tazalunarbooks puxo en marcha unha campaña de micromecenazgo a través da plataforma Verkami.
A editorial faise eco das palabras de Carla Figueiras (USC) e explica que neste libro atoparanse sabores e saberes "novos pero universais". "Son mundos máxicos, pero reais á vez, os que Conta Sin Contar nos ofrece, historias de tempos pasados ou presentes, pouco importa, son relatos que nos encomendan a tarefa de crear un futuro mellor", engade.
A campaña de financiamento colectivo leva xa varios días en marcha e réstalle aínda un mes para lograr reunir todos os fondos necesarios para que poida editarse. Quen se converta en mecenas poderán recibir o libro e tamén recompensas moi senegalesas, galegas e mexicanas para acompañalo.
Nesta ligazón poden consultarse as modalidades de colaboración e toda a información sobre o proxecto.
Bilal Traoré publicou o poemario Oculto al Sol e a súa obra foi incluída no Portal da Biblioteca Africana da Biblioteca Virtual Miguel de Cervantes. Marthazul, pintora con diabete, bicadora de árbores e, ás veces, case fotógrafa. Augusto Metztli é un pintor e ilustrador mexicano que vive en Vilagarcía.