A mostra "Fábrica de identidade" ocupa os espazos de tránsito do Museo de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
As obras de oito artistas novos e dúas performances ocuparán ata o 29 de outubro os espazos de tránsito do Museo de Pontevedra. Así o anunciou este xoves o director desta institución, Carlos Valle, na presentación desta iniciativa en colaboración coa Universidade de Vigo, que leva por título "Fábrica de Identidade".
Na presentación tamén participou o deputado de Cultura e Lingua, Xosé Leal, e as tres integrantes da "colectivo Secuela", e comisarias da proposta, Ana Corujo, Lara Buyo e Be Iglesias.
A idea xurdiu a partir da exposición "Iso segue o seu curso", na que o pasado ano os alumnos do Máster de Arte Contemporánea da Facultade de Belas Artes utilizaron como espazo expositivo as zonas de paso do Sexto Edificio, a colectivo Secuela propuxo un proxecto similar composto por obra de oito artistas, que ademais son ex alumnos do máster.
Xosé Leal incidiu en que "nos interesa que a xente nova se achegue a este Museo" que vai cumprir 90 anos nos próximos meses. A través deste tipo de proxectos, dixo o deputado, "conseguimos un museo vivo e en constante evolución".
"Fabrica de identidade", que será inaugurada este venres 15 ás 20 horas, foi definida pola comisaria Ana Corujo como unha forma de definir a personalidade a través das relacións e desde diferentes perspectivas, como a persoal, conceptual ou en relación co espazo.
Os artistas participantes son David Crespo, Yatir Fernández, Amine Asselman, Mar Ramón, Malú Feijoo, Daniel Canabal, Xullo Álvarez e Nuria Bouzas. Ocúpanse espazos como as escaleiras, os corredores da primeira e da terceira planta, intervindo incluso o espazo reservado a cafetería da planta superior do Sexto Edificio. Na sesión de inauguración desenvolveranse as dúas performances incluídas na mostra.