Volve o Festival das Núbebes coa novidade de venda de entradas por internet
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
A concelleira de Cultura, Carmen Fouces, e Andrea Bayer, a actriz e organizadora do Festival das Núbebes, presentaron a quinta edición deste evento que xa se converteu nunha cita esperada polas familias para gozar de experiencias artísticas e educativas cos bebés.
Unha vez máis, esta iniciativa ofrece estreas de espectáculos de compañías galegas relacionados co teatro, a música ou a danza. Tamén se poderán ver montaxes de fóra de Galicia como 'Sin Palabras' da Sal Teatro, gañador de premios como o Fetén á primeira infancia.
Unha das principais novidades, desvelada por Andrea Bayer, atópase na venda por internet das entradas dos espectáculos de pago, con prezos de 2'5 euros. A compra pódese realizar a través de Ataquilla.com. Só véndense anticipadamente o 60% das entradas. As restantes pódense adquirir no despacho de billetes do Teatro Principal. Tamén é necesario retirar entradas para aqueles espectáculos gratuítos xa que as actuacións contan con aforamento limitado.
Pero, ademais, o Festival das Núbebes dispón dun espazo para formación de educadores e profesionais do ensino. Trátase de tres obradoiros diferentes que buscan atender as demandas do profesorado das Galiñas Azuis e das escolas infantís. Carmen Fouces indicou que se trata dun sector abandonado pola Administración e que, desta forma, poden actualizar os seus métodos e coñecementos.
O programa desenvólvese durante os días 22, 23, 24, 29, 30 de setembro e o domingo 1 de outubro. Ademais de Baobab Teatro, Tetameiga, Pavís Pavós ou Cé Orquestra Pantasma, destacan as conferencias da psicóloga clínica infantil Rosa Jové, que terán lugar o sábado 23.
Dentro dos obxectivos deste festival tamén se atopa o da inclusión e neste marco, a asociación Amencer-Aspace realizará un obradoiro de iniciación ao ioga no Padroado de Turismo Rías Baixas.
Este ano, a Deputación Provincial tamén colabora na financiación deste evento xunto ao Concello de Pontevedra.