Unha homenaxe poético-musical recordará a figura do pontevedrés Francisco Cortegoso
Por Redacción
O Teatro Principal acollerá este sábado 27 de maio, a partir das oito da tarde, unha homenaxe poético-musical ao escritor pontevedrés Francisco Cortegoso, falecido o pasado 5 de outubro na súa casa de Bora.
O acto, presentado por Silvia Penas, e que conta co apoio do Concello de Pontevedra, a Libraría Paz, o Ateneo de Pontevedra e Chan da Pólvora, incluirá a lectura de textos do poeta, palabras de lembranza de amigos do escritor, a emisión de dous videopoemas e un vídeo de homenaxe e a actuación do grupo compostelán Atrás Tigre.
Participarán no acto Chus Pato, Xabier Cordal, Anxos Sumai, Isaac Xubín, Alba Cid, Oriana Méndez, Claudio Pato, Jesús Castro, Xes Chapela, Alicia Fernández, Gonzalo Hermo, Genaro da Silva, Adrià Targa e Atrás Tigre (Pedro Solla, Olalla Cociña, Xiana Arias e Antón Blanco).
Malia a súa curta vida, Francisco Cortegoso é unhas das voces máis celebradas e recoñecidas da poesía galega recente.
Publicou dous libros de poemas Memorial e danza (Espiral Maior, 2014, Premio Nacional de Poesía Xosé María Pérez Parallé) e Suicidas (Chan da Pólvora, 2016).
En palabras do seu editor, Antón Lopo, a poesía de Cortegoso é radical e harmónica a un tempo, apaixonada e desconcertante. Unha poesía sen concesións, onde o autor se lanza á procura dunha linguaxe capaz de acoller o outro.