A Casa das Campás moverase este venres ao ritmo da guajira e o danzón
Por Redacción
Guajira, danzón, contradanza e son animarán este venres 22 de marzo, ás 21.00 horas, a Casa das Campás. O quinteto Cimarrón, conformado na súa totalidade por músicos cubanos graduados no Instituto Superior de Arte de La Habana, ofrecerá un concerto no que presentarán o seu novo traballo discográfico, 20 cuerdas, co que farán un percorrido polos principais xéneros da música cubana.
Enmarcado dentro dunha programación cultural lúdica e festiva, "o concerto permite que os asistentes coñezan de primeira man un estilo musical cunhas peculiaridades que o fan único", indica Ana Belén Fernández, directora do Área de Extensión Cultural e Estudantes do campus de Pontevedra.
No eido musical, o quinteto Cimarrón destaca pola súa habilidade á hora de mesturar os ritmos máis tradicionais con aqueles máis modernos, xerando unha combinación que os fai diferentes e únicos. O concerto está dirixido a toda a comunidade universitaria e ao público en xeral, "xa que tratamos de traer perfís variados para satisfacer as necesidades dun público que busca novidades, actividades e espectáculos que se saen da oferta habitual, convertendo xa nun clásico as actuacións de artistas de jazz", puntualiza Fernández.
Dentro tamén da programación cultural e dirixido ao alumnado de último curso do grao en Belas Artes, este xoves terá lugar unha nova sesión do ciclo de conferencias De promesa a realidade, que trata de amosar a situación profesional á que se terán que enfrontar aqueles que están a piques de rematar os seus estudos, relatada dende o punto de vista de ex alumnos e alumnas do centro.
Desta volta, será Alberto Guitián o encargado de contar a súa experiencia tras finalizar a carreira, presentando o campo da ilustración coma unha vía de traballo para os titulados. A intervención terá lugar este xoves 21 ás 12.30 horas na Facultade de Belas Artes. O ciclo continuará o xoves 4 de abril, á volta de Semana Santa, coa participación da investigadora, docente e artista plástica Maribel Castro.
E este mércores 20 de marzo terá lugar a conferencia de Joseph Straubhaar, profesor emérito de Comunicación da Universidade de Texas, que achegará aos asistentes as novas tendencias de comunicación na sociedade global dende unha perspectiva americana. O docente trasladará os resultados das súas investigacións, centradas na globalización e a transnacionalización da televisión e os novos medios de comunicación. O evento terá lugar as 10.00 horas no salón de actos da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación.