A Virxe do Leite recupera a súa cabeza orixinal
Por Mónica Patxot
O deputado de Cultura, Xosé Leal, presentou este mércores no Museo de Pontevedra a escultura dunha Virxe do Leite do século XV que vén de incorporarse ás salas de exhibición e que ten unha curiosa singularidade: chegou cunha cabeza que non lle correspondía e finalmente foi restaurada coa orixinal logo de que os técnicos do Museo descubriran que estaba entre os fondos provinciais.
Leal, xunto do director do Museo Carlos Valle, agradeceu a doazón da familia Núñez Sobrino e indicou que o Museo "segue a ser unha referencia para as persoas que queren doar a súa obra xa non só en relación á parte expositiva, senón tamén en canto á restauración".
Sinalou que todos os técnicos do museo "son dos máis competentes do estado, por non dicir do mundo" e subliñou, en relación ao traballo concreto coa Virxe do Leite, que se fixo "unha restauración histórica" que permitiu "que ao final as cousas volveran ao seu sitio".
O representante da familia doadora, Ángel Núñez Sobrino, explicou que a Virxe do Leite provén da finca familiar de A Caeira.
"Meus irmáns, un curmá e mais eu xogabamos preto destas pezas. Chamábanos a atención a virxe, senón tamén o par de capiteis que a acompañaban. No ano 1968 cando se vendeu esa finca houbo vontade de que as tres pezas, que me gustaban de xeito institivo con só 13 anos, fosen a outra finca preto de Santiago, en Cequeril, ata hai uns anos, cando chegaron ata este fabuloso museo", explicou.