A Coral Polifónica interpretará motetes no Mosteiro de Poio
Por Oskar Viéitez
Motetes de Palestrina, Orlando dei Lasso ou Tomás L. de Vitoria conformarán o repertorio que a Coral da Sociedad Polifónica de Pontevedra interpretará este próximo sábado.
O motete é unha composición polifónica nada no século XIII para ser cantada nas igrexas, os seus temas son comunmente bíblicos. Ata o século XVII seguía sendo unha das formas musicais máis importantes da música polifónica.
Serán interpretados durante a misa das 20 horas que se celebrará na igrexa parroquial do Mosteiro de Poio.
Ao finalizar a liturxia, no altar maior, continuará o concerto composto por obras relixiosas.
O Concello de Poio e a comunidade de Mercedarios colaboran na organización deste acto cultural.