Un mar de emocións en Ponte Caldelas
Por Redacción
Unha recompilación audiovisual sobre a costa de Galicia xurdida dunha amizade fraguada entre artistas galegos a través dun grupo de Facebook. É o fío condutor da exposición Un mar de emocións, que se pode visitar no centro cultural de Ponte Caldelas ata finais de xaneiro.
O mar e a súa xente, sinais de identidade de Galicia como país e símbolo de unión, son recollidos polos membros do Grupo On nesta exposición. Trátase dunha colleita de imaxes que reflicte os sentimentos que a presencia do mar evoca en nós.
A exposición recolle fotografías e vídeos da costa galega realizados por 19 autores que reflicten a impresionante beleza e forza do noso mar. O obxectivo é que a xente poida gozar do mar a través da ollada particular dos membros do Grupo On.
Estará aberta ao público durante todo o mes de xaneiro en horario de 17.00 a 20.00 horas, agás o venres, día 20, xornada festiva en Ponte Caldelas, cando será visitable tamén en horario de mañá, dende as 10.00 ás 14.00 horas.
O Grupo On está constituído polos artistas plásticos María Varela, David Pérez, Carlos Cadilla, Adrián Segade, Rafael Baz, María Lomba, J.Carlos Castro, Bruno Tato, Fernando Gainzarain, M.José Acevedo, Carlos Pascual, Lecio Alonso, Susi García, Ana López, Teresa Cerqueira, Pili Prendes, Alfonso Hermida, Urce Martínez e Amparo Pacheco.