VÍDEO.- Mannequin Challenge para presentar a Gala do Ano Castelao
Por Mónica Patxot & Anxo Lourido
O 18 de decembro de 1931 celebrábase o discurso de Alfonso Rodríguez Castelao nas Cortes. 85 anos máis tarde, o Pazo da Cultura acollerá a Gala do 'Ano Castelao' coa lembranza daquel acontecemento a cargo do actor Celso Parada.
Xa se esgotaron as invitacións para poder asistir a este acto que se desenvolverá o domingo 18 ás 18.00 horas. Con todo, poñeranse a disposición do público, media hora antes do inicio, aquelas invitacións que non se retiraron por unha entrada numerada antes delas 17.30 horas do domingo.
A presentación do acto este martes no Sexto Edificio do Museo estivo protagonizada pola condutora da Gala, a actriz pontevedresa Bea Campos; o humorista Carlos Blanco acompañado polo debuxante Luís Davila; o deseñador Pablo Zentolo; o director do documental sobre Castelao, Miguel López; a intérprete de 2naFronteira, Carmen Penim; o actor de Limiar Teatro, Fran Núñez e o deputado de Cultura, Xosé Leal.
O acto poderase seguir por streaming a través da web da Deputación e será un evento lúdico e cultural na que se poderá ver como os debuxos de Davila combinan coas obras de Castelao. Carlos Branco sinalou que os traballos de ambos os artistas coinciden na retranca que utilizan e o propio Luís Davila afirmou que Castelao é o referente para todos os debuxantes galegos. Ademais, a cita servirá para realizar unha homenaxe a Narf, o músico galego recentemente falecido. A gala completarase tamén coas actuacións de Xurxo Souto e Lydia Botana.
O acto finalizará cun avance do documental sobre Castelao, rodado por Miguel López en distintas localizacións de Pontevedra.