O ballet nacional ruso interpretará "A bela durminte" en Afundación
Por Redacción
Afundación acollerá na cidade de Pontevedra o espectáculo de ballet A bela durminte de man da compañía de ballet nacional ruso, dirixida por Serguei Radchenko.
A función terá lugar o día 14 de decembro na Sede Afundación de Pontevedra, ás 20.30 horas.
A representación está estruturada en catro actos e prólogo e intervirán os seguintes solistas: Maria Sokolnikova, Maria Klueva, Anna Zimovchenko, Olga Gudkova, Alexandra Krukova, Dmitri Sitkevich, Nurlan Kinerbaev, Alexander Daev e Ivan Zviagincev.
O Russian National Ballet fundouse no 1989, cando o lendario solista do Teatro Bolshoi de Moscova, Serguei Radchenko intentou realizar a súa visión dunha compañía que reunise os elementos máis clásicos das grandes compañías de Ballet Kirov e Bolshoi nunha nova compañía de ballet independente dentro do marco do ballet clásico ruso.
Os principais bailaríns de toda Rusia forxaron baixo a dirección de Radchenko unha emocionante compañía, poñendo en escena novas producións de clásicos atemporais como Giselle, Don Quijote, Paquita e Carmen.
Desde os seus inicios, o Russian National Ballet completou numerosas xiras por Europa, con extraordinarias recepcións en Italia, Francia, España, Alemaña e os Países Baixos, ademais de Reino Unido, incluíndo numerosas representacións no famoso Coliseo de Londres. A compañía realizou, ademais, xiras por todo o mundo, destacando as realizadas con grande éxito por Turquía (no Festival de Istambul), Grecia (Festival de Atenas), Xapón, Corea, Singapur e Hong Kong.
A bela durminte divídese en catro actos (O feitizo, A visión e a voda) e un prólogo inicial (O bautizo). Esta obra, con música de Tchaikovsky e libreto adaptado segundo a versión do conto dos irmáns Grimm, está coreografada por Marius Petipa e narra a historia da princesa Aurora e a maldición que pesa sobre ela desde o seu nacemento.
Condenada a durmir eternamente tras o seu décimo oitavo aniversario, a princesa só espertará co bico do seu amor verdadeiro; neste caso, o do príncipe Florimund.