Dead Bronco retoma a súa xira galega e actuarán este venres na Sala Karma
Por Redacción
Por fin, tras seis meses de espera, Dead Bronco chega a Pontevedra. Tras cancelar a súa xira galega o pasado mes de abril por motivos familiares, a banda biscaíña actuará na Sala Karma este venres 21 de outubro, a partir das dez da noite.
En tan só tres anos, Dead Bronco pasaron de tocar nas rúas de Algorta, o seu pobo natal, a consagrarse como unha das bandas independentes máis emerxentes do territorio europeo.
Sen ter aínda publicado o seu primeiro disco, a banda alzouse en 2012 co premio ao Mellor Videoclip en Cinemad e permitiulles lograr, en 2013, o recoñecemento máis aló das nosas fronteiras, cando a cadea británica BBC -a través do festival que celebra cada ano-, dedicoulles unha mención especial, sinalándoos como unha das bandas revelación do momento.
Os seus dous discos ata a data, In Hell e Penitent Man, unha mestura de country, rockabilly e punk, recibiron o respaldo unánime de crítica e público e é agora, tras gañar varios premios e ser seleccionados para a xira Girando por Salas, cando se evidencia o imparable ascenso dunha banda que parece destinada a romper todas as barreiras.
Ademais de participar nos principais festivais de música de Europa, están inmersos noutros proxectos. Así, Matt Horan, o cantante do grupo, protagonizou o thriller El vigilante, rodado entre España e USA, que se estreou nos cines en febreiro, para o que tamén gravaron a banda sonora.
As entradas para o concerto de Dead Bronco en Sala Karma teñen un prezo de oito euros por anticipado. Pódense adquirir a través de Ticketea.