Dead Bronco, The Wedding Present e Linda Guilala, en outubro en Pontevedra
Por Alejandro Espiño
SON Estrella Galicia desvelou este xoves os primeiros nomes de bandas e artistas que tocarán no outono a Sala Karma de Pontevedra no marco do ciclo musical que organiza ao longo de todo o ano. Entre estas primeiras confirmacións atópanse grupos consagrados como The Wedding Present ou recoñecidas bandas da escena alternativa como Dead Bronco ou Linda Guilala.
Tras cancelar a súa xira prevista na primavera por motivos familiares, Dead Bronco actuará en Pontevedra o 21 de outubro, ás 22.00 horas.
En tan só tres anos, Dead Bronco pasou de tocar nas rúas de Algorta, o seu pobo natal, a consagrarse como unha das bandas independentes máis emerxentes do territorio europeo.
Os seus dous discos ata a data (In Hell e Penitent Man), unha mestura de country, rockabilly e punk, recibiron o respaldo unánime de crítica e público e grazas a iso, os vascos atópanse nun imparable ascenso e a banda parece destinada a romper todas as barreiras.
Pola súa banda, The Wedding Present subirá ao escenario da Sala Karma o domingo 30 de outubro, ás oito da tarde.
The Wedding Present levan desde metade dos 80 despachando himnos furiosos sobre as gretas amorosas e as súas consecuencias. En 2012 publicaron Valentina, un regreso da banda a eses crus e tupidos primeiros tempos. O 2 de setembro a banda lanzará Going, Going, o seu noveno disco de estudo, do que de momento non transcenderon moitos datos, salvo que conterá vinte cancións e que cada unha terá a súa propio pequeno filme.
Neste concerto, a banda estará acompañada dos vigueses Linda Guilala. En Pontevedra, presentarán o seu segundo disco, Psiconáutica.
As entradas para estes dous concertos xa están á venda a través de Ticketea.