"Estar é ser", unha mostra da fotógrafa Raquel Calviño no Pazo ata o 20 de novembro
Por Redacción
Ata o próximo 20 de novembro pódese visitar no Pazo da Cultura a exposición Estar é ser da fotógrafa Raquel Calviño, comisariada por Ramón Rozas. A mostra foi inaugurada na tarde deste xoves pola concelleira de Cultura, Anxos Riveiro.
En Estar é ser, Raquel Calviño analiza a través da súa cámara a súa relación coa súa contorna e amosa unha especial sensibilidade para achegarse a esa cuestión. Cada vez máis firme nas súas miradas e nas súas propostas, a súa posición fronte ao exterior amosa a unha creadora cada vez máis segura da súa aposta.
Esa mirada póusase nesta ocasión en Pontevedra, igual que antes o fixo en vilas do Portugal que tanto quere a autora.
A artista Raquel Calviño continúa o traballo expositivo de fotógrafos que, como Miguel Vidal, Juan Adrio, Rosa Neutro ou Santi Vega, amosaron a súa maneira de mirar a vida a través da cámara no Pazo da Cultura nos últimos anos como parte das exposicións que, ao longo do outono, fan deste recinto un lugar no que gozar con diferentes expresións artísticas.
De novo, a exposición de Raquel Calviño intégrase no proxecto fotográfico máis importante de Galicia como é o Outono Fotográfico apoiando así de xeito sólido a aposta por darlle visibilidade a creadores que non dispuxeron ata o de agora dunha sala na que poder presentar o seu talento ante a sociedade que eles mesmos toman coma inspiración.