Afundación renova as actividades conmemorativas do X aniversario da rehabilitación da súa sede de Pontevedra
Por Redacción
Durante o mes de setembro a sede de Afundación na cidade de Pontevedra (Augusto González Besada, 2) acollerá as actividades conmemorativas do X aniversario da rehabilitación do edificio, obra do arquitecto César Portela.
Unha das propostas para a efeméride é a mostra fotográfica "Arquitectura de sensacións", que terá lugar na propia sede durante o próximo mes e pretende achegar aos asistentes esa transformación arquitectónica dun modo visual. Estará aberta ao público de luns a venres no horario habitual e apertura do edificio (entre as 8.00 e as 20.00 h).
Outra das actividades previstas é a celebración, durante todo o curso escolar, dun taller dirixido a estudantes de primaria e ESO no Café Moderno. En "Os perfectos arquitectos", os alumnos poderán familiarizarse coa linguaxe arquitectónica, o deseño dixital de planos ou a rehabilitación de edificios históricos, e aprender así que a arquitectura é algo máis que espazo.