Javier López de Guereña abre a tempada no Pequeño Karma
Por Redacción
Terminada a intensa programación musical das festas da Peregrina, volve a actividade habitual na sala Karma e o Pequeño Karma. Este venres 26 de agosto estreará a tempada Javier López de Guereña, que, despois de 30 anos como produtor, guitarrista e compañeiro de Javier Krahe, debuta en solitario.
Chegará ao Pequeño Karma a partir das 22.00 horas deste venres cun concerto de balde tras actuar este xoves 25 na sala Clavicémbalo de Lugo e logo continuará a súa xira por La Nube, en Ponteareas o domingo 27 e Miramar, en Boiro, o luns 28.
Este cantautor que tamén compón música sinfónica estréase aos 58 anos como solista, pero xa conta na súa traxectoria con composicións como a do Telexornal de Televisión Española e unha decena de longametraxes e produciu unha trintena de discos de artistas como Los Toreros Muertos, Enrique Morente ou Palito. Tamén dirixiu a Big Band de La Bola de Cristal ou de Miguel Ríos; colaborou con Siniestro Total ou Javier Ruibal; e realiza orquestracións para o Teatro da Zarzuela.
No concerto do Pequeño Karma presentará o seu disco Baile de Lágrimas, con cancións infestadas de melodías sorprendentes que acaban sendo pegadizas e letras meticulosamente rimadas. O humor e a retórica fúndense coa música nun espectáculo de cancións sen refrán.