Homenaxe popular a Manuel María, "o gran poeta da Galiza de hoxe"
Por Natalia Puga & Diego Torrado
Ao igual que aconteceu en cada recuncho de Galicia, en Pontevedra tamén se rendeu homenaxe este martes 17 de maio a Manuel María, o poeta protagonista do Día das Letras Galegas 2016. Dende que ás 10.30 da mañá comezou en Xeve o roteiro ata a fervenza da Freixa ata que ás 20.00 horas comezou o Concerto das Letras da Banda de Salcedo sucedéronse na cidade actos tan diversos como partidas simultáneas de axedrez na praza de Santa María, a proxección de 'Patrimonio habitado' no Teatro Principal e todo tipo de recitais de poemas.
Pero o acto central do día foi, como xa é habitual, a homenaxe popular na praza de Curros Enríquez.
Organizada pola Asociación Sociocultural O Burgo, a homenaxe incluíu un emotivo discurso no que o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, lembrou a quen él considera "un dos imprescindibles" das letras e da cultura galega e "o gran poeta da Galiza de hoxe".
Poeta "dunha Galiza labrega e mariñeira que soubo cantar coma ninguén, desa Galiza que tocaba nas portas da liberdade tras a longa noite de pedra franquista", Manuel María foi homenaxeado por Lores como o artífice de que, a través dos seus textos, "moitos descobriron docemente que sn fillos dunha vella nación de occidente que busca a súa identidade en elementos tan fermosos e sinxelos como a natureza, o amor, o vento ou a irmandade"
O poeta da Terra Chá, que publicou en Pontevedra o seu primeiro libro de poemas, Muiñeiro de brétemas (1950), "soubo ver na Galiza ese anaco de alma que nos sitúa no mundo e nos enche de dignidade" e este martes recibiu unha merecida homenaxe.
Ante un público en aumento a partir das 19.30 horas, a Banda de Música de Pontevedra, a Coral Polifónica de Sobradelo (Vilagarcía) e o coro da asociación O Burgo interpretaron sete cancións galegas e integrantes da asociación recitaron outros tantos poemas de Manuel María, dende o archicoñecido 'Canción pra cantar todos os días' ata 'Elexía polos días idos', 'O afiador' ou o reivindicativo 'Acuso á clase media' que fixo berrar ao público coas súas protestas.
E como en Pontevedra, pasa o día, pero non pasa a romaría, despois do 17 de maio segue a celebrarse o mes da lingua. A programación da Concellaría de Normalización Lingüística (SNL) 'Maio mes da lingua' inclue este mércores 18 de maio a entrega de premios do VI Certame de Microrrelato da Escola Oficial de Idiomas (EOI) e este xoves 19 de maio a partir das 12.30 horas realizarase en directo no IES Luis Seoane de Monte Porreiro un p rograma de radio especial das Letras.