De Castelao a Luis Dávila, a retranca do país a través do humor gráfico chega a Raxó
Por Redacción
O Centro Cultural Xaime Illa Couto de Raxó acolle ata o próximo 13 de maio a mostra Luis Davila. A retranca dun país, que permite ao público conectar a faceta artística de Castelao como viñetista coa actualidade, tomando como referente a un humorista gráfico do noso tempo. É unha das actividades que a Deputación de Pontevedra inclúe no Ano Castelao.
Esta exposición aborda a través dunha selección de viñetas de Davila a realidade diaria do país, tanto desde o humor como desde o coñecemento profundo da maneira de ser, sentir e vivir dos galegos e galegas.
Así, partindo de que nos anos 20 e 30 do século XX Castelao colaborou nos diarios vigueses Galicia e Faro de Vigo coa publicación dunha serie de viñetas tituladas de maneira xenérica "Cousas da vida", conéctase esta actividade coa dun debuxante como Luis Davila que na actualidade e tamén desde a prensa galega trata as realidades galegas do día a día.
Segundo a comisaria da mostra, Fátima Cobo, "tanto Castelao como Davila teñen unha característica común, que é o profundo coñecemento do país no que viven e da súa paisanaxe".
"Mentres que Castelao cultivaba unha retranca moito máis ácida e en moitas ocasións sombría para denunciar unha realidade inxusta, Davila enfróntase ao inxusto con outro tipo de sorna coa que os espectadores pasa do sorriso á gargallada" sinalou a comisaria, referíndose ás características diferenciais de cada un dos autores.
A exposición trata temas como o matriarcado, o feísmo, a reciclaxe e o reaproveitamento, os furanchos e a comida, os marcos, o mar e o cine. Inclúe, ademais, dúas viñetas nas que Davila recrea sendas viñetas do propio Castelao.
A mostra pódese visitar de luns a venres, de 16:00 a 22:00 horas.