A riqueza patrimonial e arqueolóxica da provincia, a exposición en Marín
Por Redacción
Trinta e sete paneis fotográficos complementados con debuxos e paneis explicativos amosan a riqueza patrimonial arqueolóxica da provincia de Pontevedra nunha exposición que iniciou o seu percorrido en Marín. Baixo o título 'Escenarios da Prehistoria para visitar', a mostra foi inaugurada no Museo Municipal Manuel Torres, lugar onde estará ata o 28 de abril.
A mostra, comisariada por Federico de la Peña, forma parte das actividades culturais que se programan nos concellos da provincia con motivo do Ano Castelao que se celebra durante este 2016.
Neste sentido, o deputado de Cultura, Xosé Leal, destacou que a exposición percorrerá concellos nos que a pegada arqueolóxica ten unha relevancia manifesta, comezando por Marín, e que seguirá por Mos, Cuntis e A Guarda. Incidiu ademais na necesidade de dar a coñecer o patrimonio porque "está claro que se non o coñecemos, non o podemos preservar nin valorar como se merece".
Pola súa banda, a alcaldesa María Ramallo agradeceu que se tivera en conta a forte vinculación de Marín co patrimonio arqueolóxico á hora de reflectilo na mostra, na que están presentes o Castro da Subidá, os petróglifos de Mogor, a Pedra do Labirinto, a Pedrafita de Currás ou a Pedra dos Mouros.
'Escenarios da Prehistoria para visitar' entronca coa preocupación de Castelao polo patrimonio arqueolóxico e artístico do país. Unha preocupación que tivera o seu reflexo directo no seu álbum As cruces de pedra na Galiza, así como nos seus estudos sobre escudos, e na súa participación na Sociedad Arqueológica de Pontevedra, dedicada ao estudo e conservación dos elementos do noso patrimonio, así como a música e a poesía popular.
As fotografías da mostra amosan as mámoas, menhires, castros e petróglifos máis senlleiros da provincia, e están complementadas con ilustracións de gran formato que amosan como se construíron eses lugares ou como se tallaron diferentes ferramentas esenciais para a supervivencia daqueles antigos poboadores do noso territorio.
Así mesmo, diferentes textos presentes tamén na sala darán resposta ás preguntas mais frecuentes sobre os lugares fotografados. Cada fotografía vai acompañada dunha cartela que indica o nome do elemento arqueolóxico, a súa localización, superficie, a descrición técnica, a súa función e importancia histórica, a data de construción e o estado actual de conservación.