Os novos talentos do cinema galego aterran en Ficciónate
Ficciónate é a nova chamada de atención do cinema galego. O sábado 12 de marzo ás 20:00 horas no Auditorio da Illa de Arousa preséntase o primeiro ciclo de cinema de curta duración que busca ensinar os traballos de novos talentos e animar a novos realizadores a que produzan industria creativa.
No ciclo preséntanse as obras Rancor, O Comediante, Fálame do silencio e Unary. Despois da proxección os representantes de cada película manterán unha charla aberta co público asistente nun faladoiro que analizará a actualidade do sector desde diferentes ámbitos do panorama audiovisual: a dirección, a produción, a fotografía, a promoción e a interpretación da man de actores contrastados como Miguel Borines (actualmente en Serramoura) e Iago Novoa. A Illa de Arousa é a primeira parada dun tour que percorrerá diferentes cidades e vilas galegas.
As películas tratan temas de actualidade. Rancor é a historia de Teo, un neno que durante a súa infancia sofre malos tratos, a vexación de mans do seu pai, tendo á súa nai enferma. Anos despois de graduarse volve ver ao seu pai.
Despois deste drama tócalle a quenda a El Comediante, a historia de Óscar, un neno que tenta traballar no mundo do humor facendo monólogos e atopa nas pantasmas do pasado, unha fonte de inspiración, ademais de vivir diferentes aventuras e desventuras que lle axudan a construír o seu papel.
Fálame do silencio trata o tema da situación da mocidade de hoxe en día que non atopa saída ante os problemas laborais e persoais. Unha reflexión sobre a situación xeracional, a preocupación de "non ver saída", da frustración de buscar unha estabilidade e non poder conseguila.
Por último, Unary, fala do primeiro día de liberdade de Lucas. Despois de pasar 21 anos en prisión enfróntase a un mundo que non coñece, a unha nova vida. Tras anos marcados por unhas rutinas, uns horarios e uns pensamentos que non poderá manter fóra de prisión, séntese fóra de lugar.
"O proxecto nace dunha necesidade de expor un circuíto alternativo aos festivais e certames habituais, cunha orientación didáctica, instructiva e con vocación cooperativa", explica o organizador Andrés Rozados.
A entrada será gratuíta ata completar aforamento.