'Son de Orquestra', ciclo musical como agasallo por San Valentín
A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra presentaba no Concello a través do presidente Ignacio García e do vicepresidente Javier Morgade o seu novo proxecto, Son de Orquestra, un ciclo de música clásica e lírica cuxo obxectivo é dotar á cidadanía dunha maior riqueza cultural, tendo a música como actor principal.
O Teatro Principal de Pontevedra é o lugar escollido para desenvolver este proxecto que levará a cabo os mércores da terceira semana dos meses de febreiro, marzo, abril e maio.
"Fixando o obxectivo unicamente na música" deixaba claro Ignacio García, presidente da orquestra, cal é a finalidade á que se quere chegar. Quérese así buscar un enriquecemento na cultura pontevedresa para que o público poida coñecer novos directores como nova música, considerando que o esforzo final vai merecer a pena, dixo o presidente.
O terceiro mércores de cada mes vai desenvolverse cada un dos 4 concertos ofrecidos pola Orquestra no Teatro Principal, contando cun programa moi dinámico e variado no que empregan, polo menos, unha peza coñecida popularmente.
En primeiro lugar o mércores 17 de febreiro, terá lugar 'De Austria a América' baixo a dirección de Javier Vicedo-Figueira. O mércores 16 de marzo será a quenda de Noite Rusa, baixo a dirección do prestixioso Diego Marín. Xérmolos da tradición Xermánica será o mércores 20 de abril coa intervención da mezzosoprano Nuria Lorenzo. A última quenda é o do Monográfico E.Saavedra Castro, o mércores 18 de maio, no que se realiza un repaso á figura deste músico madrileño que foi director da Banda de Música da Escola Naval. Todos os concertos comezarán a partir das 21:00 horas.
Segundo os representantes da Orquestra, estes concertos axudan a esta agrupación para obter un equilibrio entre a cultura pontevedresa. Para eles resulta clave que "calquera orquestra que queira ofrecer unha programación digna, de calidade, necesita estabilidade" e ese aspecto lógrase a través destes ciclos, afirmaba o vicepresidente da orquestra,
Javier Morgade, que buscou "animar a ese público a que veña a escoitarnos". Destaca a gran cantidade de músicos da contorna, xa que de entre os 50 e 60 músicos, un 90% son músicos que estudaron no Conservatorio de Pontevedra. Isto deixa claro a aposta polos mozos galegos.
O prezo por cada un dos concertos é de 10 euros mentres os abonos para os 4 concertos custarán 30 euros sendo "un prezo moi barato", en palabras de Morgade, que convidou as persoas afeccionadas á música para regalar este ciclo con motivo do día de San Valentín. As entradas poden adquirirse xa a través de Ataquilla.
Relacionadas:
-
A Filharmónica traslada ao público a Alemaña nun novo 'Sons de Orquestra'
Por Redacción |
-
A Orquestra Filharmónica viaxa a Rusia
Por Mónica Patxot |
-
Chega a "Noite Rusa" ao Principal
Por Redacción |
-
Orquestra por sorpresa na Praza de Ourense
Por Redacción |
-
A Orquestra Filharmónica Cidade de Pontevedra, en concerto
Por Redacción |