3.000 persoas visitaron "O bodegón oculto. A natureza morta na arte contemporánea galega"
Por Redacción
A través de 27 obras, preto de 3.000 persoas puideron ver os cambios da arte a través do bodegón, un xénero artístico cada vez máis valorado e recuperado, a través da exposición "O bodegón oculto. A natureza morta na arte contemporánea galega". O discurso completábase cun cadro de Laxeiro, Manancial da vida, que permanece como obra estable na sede da entidade e tamén pode ser interpretado en clave de bodegón.
A mostra foi inaugurada o 8 de outubro e estaba coordinada por Carlos L. Bernárdez con fondos da colección de arte de Afundación. Cada unha das obras desta exposición permitía apreciar os cambios do xénero da natureza morta na arte galega. Os visitantes atopábanse con obras que combinaban a liberdade expresiva con pezas marcadas por unha rápida sucesión de innovacións. Tamén se observaban obras nas que a descontextualización e a ironía permitían ilimitadas interpretacións da realidade.
Os cadros ofrecían a esencia de autores como Rafael Úbeda, Luís Seoane, Manuel Quinanta, Murado, Francisco Lloréns, González Pascual ou Alfredo Souto.
Esta mostra completouse cun programa didáctico que Afundación dirixiu a escolares, familias e público xeral co obxectivo de profundar neste xénero artístico e na súa achega á arte de Galicia. Propuxéronse diversas visitas dinamizadas para alumnos de centros escolares.