A Banda de Música de Pontevedra proba combinacións artísticas
Por Diego Torrado
O Ciclo de Butaca de concertos no Teatro Principal a cargo da Banda de Música de Pontevedra comezou este xoves 21 coa asistencia de numeroso público. Este primeiro concerto titulado "A música danza" ofreceu a combinación entre a interpretación musical da Banda, dirixida pola batuta do director titular Rafael Agulló Albors, e as escenas de baile interpretadas por integrantes do grupo "Máis que danza".
A proposta da Banda de Música dentro do Ciclo de Butaca de 2016 é unir diferentes actividades artísticas coa música. Polo momento, está previsto que o 4 de febreiro se desenvolva o próximo concerto baixo o título "Rapsodia esculturo pictórica".
Xa en marzo, o cinema converterase na referencia do concerto que a banda ofrecerá o 3 de marzo ofrecendo fragmentos de coñecidas bandas sonoras. Os conicertos continuarán o 28 de abril dándolle protagonismo á literatura e o 26 de maio realizarase unha homenaxe á figura de Manuel María entre a Banda e o Quinteto Rubato con motivo do Día das Letras Galegas.