O quinteto Rubato actuará xunto á Banda de Música de Pontevedra
Por Redacción
Este xoves, 26 de maio ás 21 horas o Quinteto Rubato actuarán xuntos no Teatro Principal de Pontevedra no que será o concerto de clausura do ciclo de butaca 2016. Un concerto que leva como título "Feito en Galicia" será un concerto integrado por composición de novos compositores galegos e con solistas todos galegos.
O quinteto Rubato interpretará conxuntamente coa Banda de Música de Pontevedra; que estará baixo a batuta do seu director titular, Rafael Agulló Albors; a obra "Symphonic Sketches" do compositor tomiñés Andrés Álvarez.
Esta obra foi un encargo do propio quinteto Rubato e que os levou a realizar unha xira de concertos por Brasil onde estrearon esta obra actuando de solistas coa Banda Sinfónica do Cubatão e a Banda Filharmónica do Rio de Janeiro o pasado mes de outubro.
O concerto do xoves, 26 de maio ás 21 horas, no Teatro Principal de Pontevedra suporá a estrea europea da obra "Symphonic Sketches" unha obra singular por facer un tratamento ao estilo dos concertos grossos pero con dúas formacións de ventos: a banda e o quinteto.
A acollida da obra en Brasil foi todo un éxito, tanto de público como de crítica polo que dende Quinteto Rubato din estar "encantados de presentar esta obra ao público pontevedrés e que sirva ademais como peche ao ciclo de butaca 2016 da Banda de Música de Pontevedra".