A Real Filharmonía de Galicia abre o ciclo anual de música clásica de Novacaixagalicia
Por Redacción
A Real Filharmonía de Galicia chegará a Pontevedra o venres 1 de febreiro de 2013 ás 20:30 h, ao auditorio do Centro Social Novacaixagalicia para interpretar a Vivaldi, Britten, Barber, Wirén e Telemann. Baixo a dirección do tamén viola Philip Dukes e con Daniel Hope ao violín, a orquestra reúne nun espectáculo o Concerto para viola en sol maior, TWV 51 de G. P. Telemann, o Adagio para cordas de Barber, a Serenata para cordas de D. Wirén, o Concerto para violín, viola e orquestra de B. Britten e o Concerto en sol menor, op. 8 "O verán" das Catro Estacións, RV 315.
A Real Filharmonía de Galicia iniciou a súa actividade en 1996 no Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela, onde presenta a súa tempada estable de concertos. O seu primeiro director titular foi Helmuth Rilling (1996-2000), a quen sucedeu Antoni Ros Marbà (2000-2012). Actualmente, Paul Daniel é o seu director titular e artístico.
Ademais do mestre compostelán Maximino Zumalave, director asociado e vinculado á RFG desde o seu inicio, e de Christoph König, principal director invitado, tamén dirixen a orquestra outros directores como Frans Brüggen, Juanjo Mena, David Afkham ou Hansjorg Schellenberger, entre outros.
Do mesmo xeito xunto á RFG actuaron os mellores intérpretes, por exemplo Frank Peter Zimmermann, Daniel Hope ou Vadim Repin (violín), Natalia Gutman, Lluís Claret ou Enrico Dindo (violoncello), Joaquín Achúcarro, Rudolf Buchbinder ou Eldar Nebolsin (piano) e cantantes como Teresa Berganza, Thomas Quatshoff ou Matthias Goerne.
Como actividade externa, a presenza nas cidades galegas, así como no resto de España, é de capital importancia, do mesmo xeito que as xiras internacionais que realizou (Austria, Alemaña, Francia, Brasil, Arxentina e, especialmente, Portugal).
Paralelamente, a súa vocación pedagóxica tradúcese en actividades dirixidas aos futuros profesionais da música, a través da Escola de Altos Estudos Musicais, que imparte o Curso Avanzado de Especialización Orquestral, cos músicos da RFG como profesores. Tamén organiza concertos didácticos para nenos co Auditorio de Galicia, o que posibilita que cada ano ao redor de sete mil escolares poidan coñecer mellor a música sinfónica.
"Quedamos no palco, quedamos coa clásica"
Novacaixagalicia pon á disposición dos centros educativos, outra tempada máis, a posibilidade de participación dos estudantes de ESO e mais bacharelato nos concertos de música clásica. Os docentes que o desexen, poderán solicitar invitacións para os alumnos e alumnas chamando ao teléfono 988 391 746.
Ademais, o interese por achegar a cultura a un maior espectro da sociedade galega conduciu á entidade a continuar coa iniciativa mediante a cal todas aquelas persoas menores de 35 anos poderán adquirir a súa entrada media hora antes do concerto na propia billeteira a un prezo de 5 euros.
As entradas están á venda en www.servinova.com e na billeteira telefónica no 902 504 500. Teñen un prezo de 14 euros.