Máis prazo para presentar fotos no certame 'Obxectivo Pontevedra'
Por Redacción
O certame 'Obxectivo Pontevedra' amplía o prazo de inscrición e participación ata o domingo día 10 ás 14.00 horas. Os participantes deberán localizar cinco espazos do casco histórico de Pontevedra retratados polos debuxantes da 'Sociedad Arqueológica de Pontevedra', e fotografar eses lugares tratando de reproducir o máis fielmente posible o encadre do debuxo orixinal.
O certame está aberto á cidadanía en xeral, sen límite de idade. Para poder participar, as persoas interesadas deben achegarse ata o Sexto Edificio, no horario de apertura ao público, para inscribirse e recoller unha copia dos debuxos que terán que localizar e fotografar, e unha vez feitas as fotografías deben volver ó Sexto Edificio para entregar unha copia das mesmas en formato dixital. Só por participar, todas as persoas recibirán no momento da entrega das fotos unha publicación do Museo de Pontevedra a modo de agasallo.
Con todas as fotografías presentadas, un xurado composto por persoal do Museo, elixirá as tres mellores series fotográficas, que serán premiadas cunha exposición temporal na área de cristal do Sexto Edificio.
Ademais, aos autores destas tres series fotográficas tamén se lles entregará unha selección de publicacións que poderán elixir entre a oferta editorial do Museo de Pontevedra. Estes tres gañadores daranse a coñecer o sábado 30 de xaneiro, coincidindo coa data da celebración da primeira sesión do Padroado do Museo.
As persoas que desexen máis información poden dirixirse ao teléfono 986 804 100 extensión 42413 ou ao enderezo de correo-e: gabinetedidactico.museo@depo.es, en horario de luns a venres de 8.00 a 14.30 horas.