"Fraga y Fidel, sin embargo", no Museo de Pontevedra
Por Oskar Viéitez
O salón de actos do Sexto Edificio acollerá o próximo 25 de xaneiro, venres, ás oito da tarde, a presentación do documental Fraga y Fidel, sin embargo, dirixido polo pontevedrés Manuel Fernández-Valdés (1979), máster en Documental de Creación da Universidade Pompeu Fabra de Barcelona, cuxo primeiro largometraje foi Manuel e Elisa.
No documental recóllese a visita de dous días que en 1992 realizou Fidel Castro a Galicia para acudir á casa na que nacera o seu pai en Láncara (Lugo), recibindo durante ese tempo os honores que lle tributou o presidente da Xunta de Galicia, Manuel Fraga, que lle preparou unha axenda chea de homenaxes e celebracións.
As diferenzas políticas supostas dilúense na nostalxia de dúas biografías paralelas: ambos se recoñecen no fillo do galego emigrante a Cuba que dedicou a súa vida á política, representou unha das ideas máis poderosas do século XX, e sobreviviu.
Fraga y Fidel, sin embargo revisita os dous días de fraternal encontro entre Manuel Fraga e Fidel Castro e indaga entre feitos, lugares e testemuñas que nos asomen ao sentido deste espectáculo íntimo.
Foi seleccionado en 2012 para optar á Caracola de Alcances ao mellor largometraje documental na sección oficial da 44ª Mostra Cinematográfica do Atlántico, organizada polo Concello de Cádiz. A súa produción está a cargo de Teresa Fernández-Valdés, Ramón Campos e Bambú Producións, con Raimundo Riestra como axudante, Carlos Vásquez e Enrique Baró como cámaras, encargándose da montaxe Fernando Carmena, do son Juan J. Gay e do desenvolvemento Fernando Carmena e Santiago Brey.