Afrontar a primeira película como se fose a última
Por Redacción
Só Alejandro Amenabar, con 'Tesis', e Agustín Díaz Yanes, con 'Nadie hablará de nosotras cuando hayamos muerto', lograron previamente, como lembraba nesta xornada a produtora Emma Lustres, o que 'El Desconocido' vén de conseguir nas últimas horas, obter oito candidaturas aos Premios Goya por unha ópera prima.
Rodearse dun "gran equipo" e afrontar a primeira película "como se fose a última" foron dúas das claves salientadas polo seu director, Dani de la Torre, que xunto á responsable da produtora Vaca Films encargouse na tarde deste martes de pór inicio á quinta edición da Máster Class Audiovisual Galego, Augal.
Xusto ao día seguinte de que se fixese público que o thriller que protagonizan Luís Tosar e Goya Toledo é a terceira película con máis candidaturas da trixésima edición dos premios da Academia das Artes e Ciencias Cinematográficas de España, De la Torre e Lustres visitaron Ciencias Sociais e da Comunicación para manter un coloquio co alumnado no marco deste curso.
Nunha entrevista co xornalista Eduardo Muñiz para o Diario da Universidade de Vigo, Dani de la Torre comenta que "é algo novo para min e a verdade é que estou moi contento co que é un recoñecemento ao labor dun gran equipo", sinalaba o cineasta, candidato ao Goya ao mellor director novel, mentres que Lustres, que xa coñece o que é facerse con este galardón grazas a filmes como Celda 211, puña de relevo a "felicidade" por un recoñecemento "que vén a poñerlle o lazo a un gran agasallo".
Neste senso, a produtora de 'El Desconocido' lembrou "que a película arrincou moi ben, indo a dous festivais tan relevantes como Venecia e San Sebastián", ao tempo que destacou "o ben que funcionou no seu paso por salas", que sumado as "boas críticas" permitían xa catalogar a este thriller "como unha das películas relevantes do ano". Por iso, recoñeceu que agardaban "que nos Goya tivese o seu oco, pero non que fose a terceira película máis nomeada".
CINE DE ACCIÓN DESTE LADO DO ATLÁNTICO
Máis aló dos recoñecementos que vén acadando nos últimos meses, 'El Desconocido' é tamén unha película que logrou superar os cinco millóns de euros de recadación apenas un mes despois da súa estrea. Nese senso, Lustres puxo de relevo que se trata dun filme "que xoga a ser unha película comercial, de grandes públicos e que non cabe dúbida que está a resultar un éxito rotundo".
Este thriller rodado na Coruña, que inicia a súa trama cando un directivo de banca recibe unha chamada comunicándolle que ten unha bomba baixo o seu coche, tivo que enfrontar tamén a complexidade, como recoñece De la Torre, "que ten facer cine de acción en España, que é que che comparan sempre coas películas americanas". Nese senso, o director apuntou como unha "dificultade engadida" esa comparativa con filmes que "igual teñen 20 ou 100 veces o teu orzamento". Mais ao mesmo tempo, tamén puxo de relevo que en España "estanse facendo xa películas cunha gran factura técnica, que teñen unha estética á altura das americanas, o que eu penso que é iso un éxito".
A este respecto, a responsable de Vaca Films salientou a importancia "de ter moi claro que é o que queres facer, o que queres contar e a que público vai dirixido" á hora de facer cine. Lustres aludiu neste senso á experiencia previa deste produtora con este tipo de filmes, que fan que "particularmente nos sintamos moi cómodos con este xénero", ao tempo que subliñaba que "todas as películas teñen as súas complicacións", motivo polo que "o máis importante é ter claro cal é o obxectivo da película, sexa un thriller, unha comedia ou un drama".
RODEARSE DUN GRAN EQUIPO
"Esta película é o resultado dun gran equipo, moi ben compactado, traballando cada un no mellor que sabe", salientou De la Torre dun proxecto no que, recoñece, tratou de dar "o mellor de min mesmo". Non en van, "nunca sabes cal vai a ser a túa última película", lembrou este cineasta, que cualificou 'El Desconocido' "como unha película tecnicamente complicada e dun traballo actoral tamén moi complicado". Por iso, incidiu no valor de terse rodeado para a súa ópera prima "dos mellores en cada posto", así como a importancia de "deixalos traballar", xa que así, o resultado final "vai a ser moito mellor do que pensas".