Neuman, LA, Guadalupe Plata, Helena Goch ou os pontevedreses Skirl e Qué desilusión!, en outono na Sala Karma
Por Alejandro Espiño
Apenas tres semanas antes do festival Surfing The Lérez, o evento que pechará o verán musical en Pontevedra, a Sala Karma fixo pública, a través da súa páxina de Facebook, a programación de concertos que ten previsto ofrecer durante este outono. De novo, será unha oferta que combina bandas de primeira liña con artistas noveis e locais que están a despuntar nos seus respectivos estilos.
Unha das grandes bazas da Sala Karma para os próximos meses será o ciclo Son Estrella Galicia que traerá a Pontevedra a grandes nomes da escena musical española. A primeira será, o sábado 17 de outubro, a banda catalá Mujeres, un dos grupos máis enérxicos e salvaxes do territorio indie nacional. Veñen a presentar en directo Marathon, o seu terceiro traballo discográfico, editado a pasada primavera.
Xa en novembro, concretamente o venres 6, será a quenda de Neuman, a banda murciana liderada por Paco Román e que nos últimos anos se converteu nunha das bandas de referencia da música independente. En Sala Karma soará especialmente If, o seu cuarto disco. Ademais, L.A. cerrá o ciclo unha semana despois, o venres 13, cun concerto no que os mallorquinos presentarán en Pontevedra From the city to the ocean side, o seu novo LP.
Pola súa banda, o ciclo Galescena terá sesión dobre. Por un lado, co concerto de Helena Goch o xoves 15 de outubro, no que a artista valenciana presentará o seu primeiro disco, Little Tiny Blue Men; e por outro co fin de xira da banda pontevedresa Qué desilusión!, que volverá actuar na súa cidade co disco Remedios contra la mala suerte o sábado 7 de novembro.
A recta final da programación outonal de Sala Karma protagonizarana Georgina (venres 20 de novembro), King Pug (venres 27 de novembro) e os esperados Guadalupe Plata (sábado 28 de novembro), que presentarán en Pontevedra o disco homónimo co que esta banda andaluza de blues está a percorrer todo o país nos últimos meses.
Pero antes de todos eles, os encargados de inaugurar a tempada serán os pontevedreses Skirl, cun concerto no que estarán acompañados de El grito chino amenaza los continentes (venres 18 de setembro), Eme DJ (sábado 3 de outubro), Foxy Freire (sábado 10 de outubro) e Escuchando Elefantes (venres 16 de outubro).
Relacionadas:
-
RADIO.- A playlist de... Carlos Pereiro. Un xornalista, músico e 'gamer' que oposita para ser profesor
Por Mónica Patxot & Marisa Ciordia |
-
A exitosa xira de Neuman recala en Pontevedra cun novo concerto na Sala Karma
Por Redacción |
-
Mujeres chega a Sala Karma dentro do ciclo SON Estrella Galicia
Por Alejandro Espiño |
-
Skirl toma un respiro tras un ano de xira cun último concerto na Sala Karma
Por Redacción |
-
Os irlandeses Delorentos actuarán no Surfing The Lérez
Por Diego Espiño |