Xoel López, Eladio y los seres queridos e Pepe Solla, trío de ases en El Náutico do Grove
Por Redacción
O verán toca á súa fin, pero antes de que chegue setembro aínda quedan citas imprescindibles coas que apurar as vacacións estivais. Unha delas é a que nos levará este xoves a El Náutico de San Vicente do Mar (O Grove). Os amantes da boa música están de parabéns ante o fantástico programa dobre que programaron os seus responsables: Xoel López e Eladio y los seres queridos.
Para Xoel López será o seu regreso a un local que lle trae grandes recordos. O seu concerto, previsto para as oito da tarde, xerou unha grande expectación. Tanto que as súas entradas están esgotadas dende hai días. Tras o seu exitoso paso polo festival Portamérica, o artista coruñés segue presentando o seu décimo terceiro disco -segundo en solitario-, Paramales, un traballo que, como el mesmo asegura, é o máis arriscado da súa carreira.
Paramales é unha aposta firme e rotunda polos novos sons, que conta con influencias da escena folclórica de boa parte de Latinoamérica e mesmo coa mirada posta cara ao seu pasado máis recente en Deluxe. Trátase dunha porta que se abre para deixar entrar aires contemporáneos e urbanitas en trece cancións gravadas nos Estudos Reno de Madrid, pero concibidas a ambas as dúas beiras do Atlántico.
A partir da unha da madrugada, pola súa banda, está previsto o concerto de Eladio y los seres queridos. A banda viguesa presentará en directo os temas do seu terceiro disco, Orden Invisible, unha colección de doce cancións repletas de fermosas melodías, letras intelixentes e coidadas e cunha contundencia na súa manufactura final que o converten nun traballo dunha sinceridade abafadora.
Con el, a banda encontrou madureza e un son propio a base de tocar e tocar en directo durante as xiras que realizou entre os anos 2011 e 2013, e neste concerto, que é de entrada libre, presentaranos a súa faceta máis eléctrica.
Ademais dos dous concertos, a velada en El Náutico complétase coa presenza do cociñeiro Pepe Solla que, no marco do ciclo iniciado este verán, agasallará a clientela cunha paella xigante.
Relacionadas:
-
Lichis amosa o seu novo rumbo musical nun concerto en El Náutico do Grove
Por Redacción |
-
Andrés Suárez renova o seu idilio con El Náutico
Por Redacción |
-
Corenta músicos de jazz e swing reúnense nun excepcional encontro en El Náutico do Grove
Por Redacción |
-
Así se vivirá agosto no Náutico do Grove: 45 concertos en 29 días
Por Redacción |