...E Cultura Quente volveu encher a Carballeira
Por Cristina Saiz
Catro anos tiveron que esperar os incondicionais do festival Cultura Quente para volver vibrar na Carballeira de Caldas, pero ao final o momento chegou, a cita musical volveu á súa situación actual e un cartel que incluía a Los Suaves, Rosendo, Pasajero, La Fuga e Novedades Carminha fixo o demais: encher o recinto como nos seus mellores tempos.
O rock foi a aposta firme desta nova edición, que este sábado 20 de xuño volveu dar cita a miles de persoas en Caldas. Non se alcanzou a espectacularidade do festival de 2011, o último antes de catro anos de ausencia, no que se xuntaron na Carballeira 9.000 persoas, pero a vila termal si se encheu de vida e de música.
Este regreso de Cultura Quente coincidiu coa xira de despedida dos escenarios de Los Suaves e foi precisamente un concerto seu en Caldas no ano 1997 o que servira de xerme de Cultura Quente, que iniciou a súa andaina xusto un ano despois. O círculo pechouse cun concerto que incluíu dende temas clásicos a outros novos e un grande espectáculo con pirotecnia.