Joaquín Pascual actúa esta noite no Liceo Mutante
Por Redacción
Joaquín Pascual é un dos máis importantes músicos indie en España. Comezou nos Surfin'Bichos e despois pasou por outras bandas tan representativas como Mercromina e Travolta. Como indican os promotores do concerto no Liceo Mutante (Rosalía de Castro, nº 100 - Pontevedra), hai poucos afeccionados á música con idades comprendidas entre os 25 e os 45 anos que "non teñan cantado, bailado ou ligado con algunha das súas cancións".
En Pontevedra vai presentar o seu terceiro disco en solitario coa súa banda. E tamén, esta noite, a formación ourensá Os amigos dos músicos volven a este local para ofrecer outro concerto co seu delicado folk.
O donativo solicitado polos músicos é de 5 euros. O Liceo é unha entidade sen ánimo de lucro e só para socios. Facerse socio é gratis e levarache nada mais que un minuto na porta.
Haberá un número limitado de entradas anticipadas no propio Liceo, a Pega Moura e o Gato Gordo.