Artistas españois, italianos e xaponeses amosan a súa mirada sobre o xardín na Galería Sargadelos
Por Diego Torrado
Unha mesma obra de arte pode ofrecer diferentes impresións segundo a cultura de cada país, mesmo entre territorios próximos. A orixinalidade dun artista varía segundo a zona na que traballa e se un creador evita o contacto directo con outros artistas corre o perigo de producir obras con técnicas convencionais sen orixinalidade ningunha. Para buscar experiencias comúns naceu a exposición 'Secret Garden' que presenta a artistas procedentes de España, Italia e Xapón, intentando compartir ideas co obxectivo de transmitirse máis alá das fronteiras.
O motivo escollido para esta mostra é o xardín e os seis artistas que participan ofrecen as súas obras independentes sen un previo deseño común pero achegando unha harmonía conxunta inesperada.
Os madrileños Mercedes Lara, Toshiro Yamaguchi e Ignacio Canares, o italiano Maurizio Colombo e os xaponeses Yuzo Osumi e Masahiro Okawa presentan as súas obras nesta exposición que se inaugura este luns 4 de maio na Galería Sargadelos a partir das 18.00 horas.
A mostra permanecerá aberta ata o 29 deste mes.