"Xardín Suspenso", a última montaxe do Centro Dramático Galego, triunfa en Pontevedra
Por Diego Torrado
Ata onde pode levar a fidelidade a un amor que non é correspondido? Baixo esa premisa chegaba a Pontevedra a obra Xardín Suspenso, a última produción do Centro Dramático Galego. O auditorio do Centro Social de Afundación acolleu a representación desta desgarradora historia sobre a condición humana, o desamor e os sentimentos en estado puro.
A representación, dirixida por Cándido Pazó e escenografiada por Carlos Alonso, traslada ao escenario a obra de Abel Neves. Faino, na xira que están a protagonizar por toda Galicia, da man dun elenco actoral formado por César Cambeiro, Melania Cruz, Orballo González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos.
Xardín Suspenso conta a historia de Lucía, unha nova arquitecta fiel a un amor imposible. Lucía investiu todas as súas enerxías na construción dun depurado xardín sen plantas no que crece a súa devoción amorosa por Mateo, a quen coñece dende a infancia. Ignorando este sentimento, Alberto (o pai de Lucía) intenta por todos os medios descubrir o motivo da tristura da súa filla.
Pola súa banda, Mariana (a avoa de Lucía), resolveu o misterio hai moito e dá o seguinte consello ao seu fillo: "Se escoitamos ben, respiramos mellor", pero nesta casa ninguén escoita e cada un arrastra a historia da súa vida, construíndo así un mundo incapaz de diagnosticar os seus verdadeiros problemas.
Foron moitos os pontevedreses que se deixaron seducir por un espectáculo que, tras visitar Pontevedra, terá en Vigo, Tui, Ourense, Rianxo e A Coruña as súas seguintes representacións.