Seis anos de PoioEscena, unha aposta consolidada polo teatro afeccionado en galego
Por Redacción
PoioEscena chega á súa sexta edición. O ciclo de teatro afeccionado xa está plenamente consolidado na programación cultural do municipio e regresa con folgos renovados e cun mesmo obxectivo: fomentar o interese do público polo teatro e contribuír á promoción e difusión das artes escénicas en galego, dando a coñecer o traballo feito en Galicia por grupos e compañías afeccionadas.
Así o destacou na súa presentación a concelleira de Cultura, Silvia Díaz, que agarda que este ano se repita o éxito da pasada edición. Nela, rexistrouse unha media de asistentes de 80 persoas por obra e en moitas delas superouse o centenar de persoas.
A programación para o primeiro semestre de 2015 é a seguinte:
- 8 de febreiro, 19.00 horas: Mullerebillosas, do grupo de teatro Martabelas.
- 28 de febreiro, 20.30 horas: ...e din que chove, de Avelaíña Teatro.
- 27 de marzo, 21.00 horas: Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fora, de O Trasno Novo Teatro.
- 25 de abril, 21.00 horas: Que Deus nos colla confesados. Cabaré bíblico, de Tangatutanga.
- 30 de maio, 21.00 horas: Os nenos perdidos, de Dame Cuerda que Teatro.
- 26 de xuño, 21.00 horas: Eran outros tempos, ou non?, do grupo de teatro Disfunción continua.
Para esta edición, volverase a contar cos grupos de teatro afeccionado de Poio, que están a realizar un fantástico traballo. De feito na sesión inaugural (8 de febreiro) entregarase o recoñecemento á obra mellor valorada do ciclo 2014 por votación do público, que recaeu no grupo Armadiña Teatro de Combarro.
O ciclo volve organizarse grazas ao traballo conxunto da SCD Raxó, a SCD Samieira e a ACDeM Armadiña de Combarro, coa coordinación da Concellaría de Cultura. As obras representaranse nos tres escenarios habituais o Centro Cultural Xaime Illa de Raxó, a Casa do Pobo de Río de Bois (Samieira) e o Salón de Actos da Comunidade de Montes de Combarro.
Este ano substitúese a entrada anticipada (reducida nun 50%) polo abono anual para asistir ás doce representacións, en dúas modalidades: 5 euros para os socios destas tres asociacións e 15 para os que non o sexan, o que supón un desconto de case o 60% respecto á entrada na billeteira. As entradas soltas teñen un prezo de un e tres euros, respectivamente.
Ao longo do ano, avanzou Silvia Díaz, daranse a coñecer máis novidades e a ampliación da programación que se está a perfilar, co fin de facer medrar a iniciativa e dar cabida a outras modalidades como o monólogo, potenciando o interese polas artes escénicas e chegando a máis público.
Relacionadas:
-
Oito contadores de historias participarán no I Concurso de Monólogos de PoioEscena 2015
Por Redacción |
-
Poio celebra o Día do Teatro co espectáculo 'Conversas na cuneta mentres a vida pasa alá fóra'
Por Redacción |
-
Poio buscará nun novo concurso ao mellor monologuista cómico de Galicia
Por Redacción |