O Museo de Pontevedra programa un ciclo de cine infantil
Por Redacción
O Museo de Pontevedra en colaboración co CGAI (Centro Galego de Artes da Imaxe) pon en marcha un ciclo de cine infantil para este ano 2015.
Durante os próximos catro meses proxectarase mensualmente unha película dirixida a público infantil, cunha escolla dos títulos de máis éxito entre os máis pequenos.
Nun momento en que as imaxes posúen un enorme protagonismo e nos aproximamos maioritariamente a elas mediante a televisión, a internet, os videoxogos, etcétera, o Museo de Pontevedra e o CGAI por medio dos ciclos júnior e infantil, propoñen outros camiños que poidan xerar novas emocións e o pracer de compartilas con outros espectadores na mesma sala: achegarnos ao cine no cine.
A través da diversidade da sétima arte, con filmes divertidos, serios ou emocionantes descubrimos momentos do cine, iniciámonos na lectura das imaxes, viaxamos por outros horizontes, divertímonos ... e amamos o cine!
As sesións terán lugar no Salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra ás 17:00 horas, con entrada de balde ata completar aforo e previa retirada do tícket na recepción.
As películas programadas son Wall.E (24 de xaneiro), Mi vecino Totoro (21 de febreiro), Kirikú y las bestias salvajes (21 de marzo) e El mago de Oz (18 de abril).