'El último pasajero' de Manel Loureiro conquista USA: número 1 de vendas en Amazon
Por Alejandro Espiño
Manel Loureiro volveuno a conseguir. Logo de situarse nos primeiros postos das listas de vendas en Estados Unidos coa triloxía Apocalipsis Z, a súa novela máis recente tamén triunfou alén do Atlántico. El último pasajero, traducido ao inglés como The Last Passenger, situouse como o número 1 en Amazon, a principal plataforma de vendas por Internet do país, dentro da categoría de libros de terror.
Malia terse editado hai tan só vinte días, o libro do pontevedrés superou ata á última novela do mestre do xénero, Stephen King, segundo destaca a editorial que conta cos dereitos de El último pasajero en España, Planeta.
Ademais, o libro de Loureiro leva unha semana no top de vendas absolutas nesta plataforma, por diante de autores como John Grisham, Michael Connelly, Patricia Cornwell ou Gilian Flynn, sendo a primeira vez que un autor español consegue colocarse na lista dos máis vendidos con reservas previas.
E por si eses fitos fosen poucos, a dimensión do logro adquire unha maior perspectiva ao comprobar como The Last Passenger é o único título dun autor non norteamericano situado entre os 100 libros máis vendidos en Estados Unidos.
El último pasajero é unha novela que transporta ao lector ao 'Valkirie', un trasatlántico que aparece á deriva no Océano Atlántico, sen luces, con motores apagados e sen aparentes sinais de vida a bordo. Cando soben a el, descobren que o barco está baleiro. Non queda ninguén. Con todo, a comida está quente, o xeo que envolve ao champán aínda se está derritindo... Ata hai 20 minutos ese barco estaba cheo de xente e agora non queda absolutamente ninguén.
Ninguén, excepto un bebé coa estrela de David ao pescozo que foi envolvido a toda presa nunhas sabas e que alguén deixou no medio da pista de baile. Setenta anos despois, un empresario decide poñer de novo en marcha o barco, que se atopa podrecendo desde entón no porto, e rehabilitalo para repetir aquela viaxe inaugural e descubrir que pasou a bordo deste barco de recreo que nos remonta á época nazi.
Relacionadas:
-
Manel Loureiro, de 'Fulgor' a televisión: "Estou desenvolvendo unha serie para un canal nacional e outra a nivel internacional"
Por Alejandro Espiño & Cristina Saiz |
-
Manel Loureiro: "Con El último pasajero cambio de rexistro. Ao principio dábame medo, pero o resultado é marabilloso"
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
Manel Loureiro: "Se cando empecei con Apocalipsis Z dinme que tería este éxito, pensaría que están tolos"
Por Alejandro Espiño |
-
O "Apocalipsis Z" do pontevedrés Manel Loureiro seduce a "The Walking Dead"
Por Alejandro Espiño |